ORIXE DA FESTA DA ISTORIA
Na última fin de semana de agosto Ribadavia, celebra a Festa da Istoria, transportando a nativos e foráneos ao glorioso pasado medieval desta vila singular. O coidado centro histórico da capital do Ribeiro serve como escenario único para viaxar no tempo e ata o mínimo detalle está concibido para que o visitante se senta na época medieval.
A caracterización con rigor histórico, os pendóns colgando das vendas, os mercados e animación e ata mesmo o uso de maravedíes como moeda oficial envolven á vila nunha auténtica inmersión histórica.
As orixes desta celebración remóntanse ao 1989, cando un grupo de alumnos dun taller de emprego decidiron facer unha recreación histórica do pasado medieval de Ribadavia como parte do seu traballo de formación. Anos máis tarde, tomaron as rendas varios veciños da vila constituíndose como asociación (a actual asociación coordinadora da festa da Istoria) e ata o día de hoxe encárganse de organizar as actividades desta celebración de maneira voluntaria e altruísta.
QUE SUCEDE NA FESTA DA ISTORIA?
A Festa da Istoria recrea 3 períodos clave no pasado de Ribadavia que abarcan toda a Idade Media:
– Ribadavia como capital do reino de Galicia (1065- 1702) O Rei García estableceu a súa corte en Ribadavia durante case medio século, facendo da vila ourensá a capital do reino. Especúlase que estaría situada no monte de Santa Marta, onde se atoparon restos dunha fortaleza que se pensa que podería corresponder coa sede da corte real.
– Os condes de Sarmiento na comarca do Ribeiro (século XIV) No século XIV os condes de Sarmiento eran Adiantados Maiores do Reino, posición de poder e privilexio que os convertía nunha das familias máis poderosas de Galicia. Os Sarmiento dominaban toda a comarca do Ribeiro e foron quenes construíron o Castelo homónimo que se erixe dominando a vila ourensá. Esta construción quedou inacabada coa caída en desgraza dos Sarmiento, feito que supuxo o fin do mando condal e posibilitou o ascenso doutros grupos sociais na comarca.
– A importancia da comunidade sefardí en Ribadavia (1600) A caída dos condes de Sarmiento facilitou o ascenso da comunidade sefardí no estrato social, favorecida polo impulso do comercio do viño Ribeiro que foi monopolizado por eles. Melloraron e incrementaron a produción e impulsaron a súa comercialización, exportando mesmo máis aló das fronteiras peninsulares. Aínda hoxe en día pódese admirar parte do barrio sefardí, o mellor conservado de toda Galicia.
A FIGURA DO MALSÍN
A relevancia deste personaxe vén dada porque se trata da primeira obra de teatro que se representou na festa da Istoria. Este personaxe faise tristemente soado no ano 1608.
O Malsín, xudeu converso e habitante de Ribadavia, denunciou a 40 dos seus veciños sefardíes por manter as súas prácticas relixiosas, feito que provocou a intervención da Inquisición e a pena de morte para os acusados. Cando os veciños da vila descobren ao autor desta denuncia toman a xustiza pola man e danlle morte.
Este episodio represéntase no Auditorio do Castelo como parte da programación da festa, e desde sempre corre a cargo de veciños da vila.
QUE VAS A ATOPAR NA FESTA DA ISTORIA EN RIBADAVIA?
Teatro: desde a primeira festa da Istoria recréase o tristemente famoso episodio do Malsín no auditorio do Castelo. Na actualidade intercálase cada ano coa representación da historia da “Endiañada”, outra personaxe soada da vila, neste caso da época do dominio condal dos Sarmiento.
Desfile: na mañá do sábado ten lugar un desfile no que están representados todos os personaxes soados e estratos sociais dos tres períodos relevantes da Idade Media. Todos os participantes van perfectamente caracterizados percorrendo as rúas do centro histórico.
Baile Medieval: tradicionalmente coñecíase como baile de Dóalas “ sen Cabaleiros”, xa que non había participantes masculinos. Este feito cambia no 2023, que contando neste caso con bailadores, cambiaráselle o nome a baile de Dóalas “ con Cabaleiros”. Ten lugar na Praza Maior.
Banco da Alhóndiga e maravedíes: o banco, sito na Casa do Concello ofrece a posibilidade de cambiar euros por maravedíes, que serven para calquera transacción económica dentro da vila. Adicionalmente hai casas de cambio en distintos puntos do centro histórico para facilitar o cambio.
Xadrez humano: no auditorio do Castelo os nenos da vila representan partidas de xadrez viventes.
Voda xudía: representación dunha voda xudía tradicional, que inclúe un pasarrúas da comitiva que encabeza o noivo para ir buscar á noiva á súa casa, e posteriormente levala á igrexa da Oliveira, onde ten lugar a recreación da cerimonia relixiosa.
Xantar medieval: a asistencia está suxeita á dispoñibilidade de prazas e é imprescindible a caracterización dos participantes e realizar reserva previa.
Tamén vas gozar doutras actividades como Cetrería, Tiro con arco e torneo medieval, que inclúe xustas, Mercado medieval, Pasacalles con animación , Concertos…
QUE NECESITAS SABER SE VAS Á FESTA DA ISTORIA
– Vestiario: para chegar á inmersión plena é recomendable ir caracterizados de época. De feito, nas actividades dentro das igrexas e no Castelo (en horario matutino) son condición sine qua non para poder asistir. Non esquezas as túas mellores galas!
– Banco de maravedíes e casas de cambio: aínda que se poida pagar con euros, a adquisición de maravedíes para realizar transaccións económicas na vila é un paso máis cara a auténtica inmersión na época. Ademais, así axudas a financiar as próximas edicións e o traballo voluntario e altruísta das asociacións organizadoras.
– Transporte: o centro histórico está pechado ao tráfico, mais habilítanse zonas de aparcamento en distintos lugares da vila. Para facilitar o movemento entre os distintos puntos de actividades dispóñense de autobuses circulares durante toda a fin de semana.
– Mapa (actividades)





















