CURRO DA VALGA
O Curro da Valga é o primeiro curro do ano. Esta tradición ancestral galega reúne a gandeiros, veciños e visitantes na Serra da Groba (O Rosal), nun espectáculo etnográfico que marca o inicio da tempada das “Rapas das Bestas” en Galicia.
Dende primeira hora da mañá, os gandeiros da Asociación Curro da Valga parten a pé e a cabalo para localizar os máis de 300 cabalos que viven en liberdade polos montes de Oia e O Rosal, e conducilos cara ao “cierre grande”, un amplo recinto valado onde agardan ata que comeza a cerimonia da Rapa.
Cara ao mediodía, unha vez reunida a maioría dos animais, chega o momento da comida campestre: unha pausa para repoñer forzas. Os asistentes poden gozar dunha comida tradicional a base de churrasco, polbo e empanada, nun ambiente que mestura traballo e festa.
Pero a calma non dura moito! A media tarde, arredor das 16:30 horas, retómase o pulso entre o ser humano e o animal. Os cabalos son introducidos no “cierre pequeno” polos gandeiros, e alí, asistidos polos coñecidos aloitadores, inmobilizan os animais corpo a corpo, sen ferramentas, para cortarlles as crinas, desparasitálos e marcar aos novos poldros cun chip de identificación.
É un traballo físico e intenso, pero tamén respectuoso e fondamente simbólico, que fala do vínculo entre o home, o animal e o monte.
O obxectivo deste evento non é só conservar unha tradición milenaria, senón tamén garantir a saúde dos animais, que viven todo o ano en estado salvaxe, expostos a enfermidades, roubos e á escaseza de alimento durante os meses máis duros.
A Rapa das Bestas non é unha exhibición folclórica. É, ante todo, unha práctica de xestión gandeira semisalvaxe, un legado cultural e un acto colectivo de identidade.
Cada ano atrae a milleiros de persoas, curiosas e amantes das tradicións, que se achegan para vivir de preto este espectáculo etnográfico milenario que aínda pervive no corazón de Galicia.
Se es amante dos animais e das tradicións, sen dúbida non podes perdelo!






















