HISTORIA DO NAUFRAXIO DE LAXE
Coincidindo coa principal celebración relixiosa dos mariñeiros, a procesión marítima da Virxe do Carme, en Laxe celébrase o “naufraxio”.
O naufraxio foi instaurado en 1962 por un mariñeiro, Avelino Lema Santos, que ao longo da súa vida, sufriu tres naufraxios, saíndo con vida de todos eles.
Despois da misa solemne, na honra da Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que se celebra en Laxe o 17 de agosto, sae a procesión polas rúas da vila.
Unha vez que a Virxe chega ao porto, comeza a representación do naufraxio. Varios mariñeiros saen nunha gamela dende a parte norte do porto, simulando a viaxe que realizan cando veñen de pescar; ao chegar á metade do percorrido, a gamela vai ao fondo, despois de botar unha bengala.
Os mariñeiros que acaban de naufragar comezan a nadar dirixíndose a terra, onde se atopa a Virxe do Carme, que os espera ao pé do mar, unha vez que chegan a terra camiñan de xeonllos ata acadar a imaxe da Virxe. Os catro últimos que se salvan, van buscar ao morto, que é levado a terra, onde o depositan aos pés da Virxe, que obrará o milagro de resucitalo.
En agradecemento, os mariñeiros naufraxados cantan a “Salve Mariñeira”. A continuación os barcos, engalanados, seguen en procesión pola ría seguido ao que leva á Virxe do Carme.
Ao rematar a procesión, os mariñeiros que participaron no naufraxio, irán descalzos levando á Virxe a ombros de volta á igrexa.
Esta curiosa celebración relixiosa ten lugar aquí, en Laxe, e en outro pequeno porto de Perú.

























