FESTIVAL CULTURAL A RABACA
HISTORIA DO FESTIVAL A RABACA
O Festival cultural a Rabaca ten como inspiración unha data, o 18 de agosto de 1936. Un día para borrar. Un día no que dúas persoas perderon a súa vida de forma violenta e inxusta pola súa ideoloxía e polo seu compromiso coa liberdade e a cultura.
A Federico García Lorca fusilárono xunto a unha oliveira, nunha estrada a poucos quilómetros de Granada.
A Juana Capdevielle San Martín, embarazada, atopárona morta, con dous tiros, no quilómetro 526 da estrada N-VI, preto de Rábade.
Máis de 900 quilómetros separaron os seus asasinatos de “cuneta”, pero antes o seu amor polos libros xuntou os seus destinos.
Foi na biblioteca Ateneo de Madrid onde se cruzaron as súas vidas, Juana era a xefa técnica e Federico vicepresidente da Sección de Literatura.
Nesa mesma biblioteca foi ademais onde, por petición expresa de Capdevielle, o grupo A Barraca realizou a última representación, antes da Guerra Civil, do cabaleiro de Olmedo de Lope de Vega.
Leer másA Barraca foi un grupo de teatro universitario coordinado e dirixido por Lorca que levou o teatro clásico español aos pobos con pouca actividade cultural.
En agosto de 2020, en plena pandemia e limitación de liberdades, o Concello de Rábade decide poñer en marcha A Rabaca. Unha iniciativa que recupera o espírito cultural da Barraca e ao mesmo tempo homenaxea a dúas vítimas da intolerancia.
Que é A Rabaca e que actividades atoparás en Rábade?
A Rabaca é cultura e liberdade. É o festival cultural de Rábade no que durante varios días poderás gozar de distintas actividades. Unha proposta lúdica, diversa e para todos os públicos:
- Música de cantautores galegos e españois.
- Concertos de jazz, bandas pop rock…
- Folclore
- Gala lírica
- Cinema con selo Galicia
- Espectáculos cómicos
- Actuacións de maxia.
- Teatro.
E por suposto o día 18 de agosto, réndese homenaxe ás dúas vítimas da violencia e inxustiza da Guerra Civil Española:
A Federico García Lorca con concerto na súa memoria.
A Juana Capdevielle con ofrenda floral no seu monumento.
A escultura, obra de Couselo, inaugurouse en 2008 como recordo daquela bibliotecaria culta e progresista que se converteu na primeira muller xefa dunha biblioteca na universidade española, á que levou cara a un servizo moderno e con proxección social. Aquela muller que defendeu unha idea do amor baseada na valentía, a sinceridade, a igualdade e a liberdade, pero tamén en “levantar o que debe ser o edificio vital: a actuación social”.
E na Rabaca non faltará a luz dos fogos artificiais…
Porque a cultura é LUZ.
Descobre na Rabaca coa luz da cultura, a liberdade e a memoria histórica.
Goza das actividades de lecer programadas!
LORCA:
Si tuviera hambre y estuviera desvalido en la calle no pediría un pan; sino que pediría medio pan y un libro, porque es bueno que todos los hombres coman, pero también que los hombres sepan.
O poeta Claudio Rodríguez Fer adicoulle este poema a Juana Capdevielle en 2009:
Dispararon á cabeza de mapoula,
mais medraron libres as silveiras
e nunca desfaleceron as ideas.
Dispararon ao corazón de rosa,
mais volveron voar as bolboretas
e nunca feneceron os amores.
Matárona co prexuízo sen xuízo,
coma quen queima xestas florecidas,
e por iso é patrimonio da xustiza.
Chamábase Juana Capdevielle
como podía chamarse a vida mesma:
morreu, como viviu, de amor e liberdade.
En Rábade deixounos un caravel
para reinventar o amar, un xirasol
co que pacer a paz e unha violeta
para fabricar futuros máis muller.